Estado de confusión
Un artigo de Marcos Valcárcel
Vaian por diante dúas cousas. A primeira, que agardaba a repetición do goberno bipartito, aínda que fose pola mínima diferenza. A segunda, que apoiei co meu voto esta posibilidade frustrada. Pero temía esta vitoria do PP e non me sorprendeu demasiado.
Era de temer por varias razóns. Pola crise económica, polo ben que traballa a dereita (mesmo cando se excede en campañas ben suxas), polos intereses dos poderes mediáticos e económicos, etc. Pero, sobre todo, pola desafección de xentes progresistas e galeguistas cos seus supostos políticos de referencia, no PSdG e no BNG. Vin xa moitas campañas electorais, pero nunca vira isto: moitas persoas do campo da esquerda, que mesmo votaron BNG, pero ó tempo se alegraban da caída dunha experiencia de goberno xulgada como errada e errática. Como di un meu amigo, o elector progresista é esixente e purista; non como o da dereita, que lle dá igual que lle poñan un chourizo encabezando a lista.
Haberá moito que falar e reflexionar nos partidos, supoño. Será precisa máis dunha treboada. E que cadaquén asuma as súas responsabilidades no distanciamento de boa parte das bases sociais progresistas e galeguistas.
Algúns xa temen que esta sexa a derrota de toda unha xeración, como escribiu Manolo Bragado. E que vaia para longo. Oxalá non sexa así, pero o cambio de rumbo non vai ser doado. Esixirá grandes doses de humildade e autocrítica e non hai moita tradición a este respecto no nacionalismo e na esquerda en xeral.
Quedan no aire problemas moi graves do país, dende a situación da lingua ata o abandono do rural como perspectiva económica, que a dereita pode empeorar se se deixa levar por certos grupos de presión. A última palabra, en definitiva, está na sociedade civil e todos os esforzos van ser necesarios para garantir a este país un futuro diferente.
Para ler o artigo no seu lugar de origem, preme aqui
1 pingas caídas nesta terra:
Sorteo do "Meme do Traste Galego".´
O número do sorteo da ONCE do día de onte (11 de Marzo) foi o 23488, polo que o gañador do Meme sería aquel que ten a terminación 88. Como non existe tal participante. Vólvese a sortear hoxe (día 12). Moita sorte.
Enviar um comentário