A Nossa Língua é Internacional
Mostrar mensagens com a etiqueta Marcos Valcárcel. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Marcos Valcárcel. Mostrar todas as mensagens

quarta-feira, 11 de março de 2009

Estado de confusión

Un artigo de Marcos Valcárcel






Vaian por diante dúas cousas. A primeira, que agardaba a repetición do goberno bipartito, aínda que fose pola mínima diferenza. A segunda, que apoiei co meu voto esta posibilidade frustrada. Pero temía esta vitoria do PP e non me sorprendeu demasiado.

Era de temer por varias razóns. Pola crise económica, polo ben que traballa a dereita (mesmo cando se excede en campañas ben suxas), polos intereses dos poderes mediáticos e económicos, etc. Pero, sobre todo, pola desafección de xentes progresistas e galeguistas cos seus supostos políticos de referencia, no PSdG e no BNG. Vin xa moitas campañas electorais, pero nunca vira isto: moitas persoas do campo da esquerda, que mesmo votaron BNG, pero ó tempo se alegraban da caída dunha experiencia de goberno xulgada como errada e errática. Como di un meu amigo, o elector progresista é esixente e purista; non como o da dereita, que lle dá igual que lle poñan un chourizo encabezando a lista.

Haberá moito que falar e reflexionar nos partidos, supoño. Será precisa máis dunha treboada. E que cadaquén asuma as súas responsabilidades no distanciamento de boa parte das bases sociais progresistas e galeguistas.

Algúns xa temen que esta sexa a derrota de toda unha xeración, como escribiu Manolo Bragado. E que vaia para longo. Oxalá non sexa así, pero o cambio de rumbo non vai ser doado. Esixirá grandes doses de humildade e autocrítica e non hai moita tradición a este respecto no nacionalismo e na esquerda en xeral.

Quedan no aire problemas moi graves do país, dende a situación da lingua ata o abandono do rural como perspectiva económica, que a dereita pode empeorar se se deixa levar por certos grupos de presión. A última palabra, en definitiva, está na sociedade civil e todos os esforzos van ser necesarios para garantir a este país un futuro diferente.

Para ler o artigo no seu lugar de origem, preme aqui

quinta-feira, 5 de fevereiro de 2009

A riqueza erótica da lingua

Un artigo de Marcos Valcárcel





"Se non imos todos xuntos, imos ó carallo”, dixo hai anos un moi relevante político galego nun recente acto electoral. A anécdota de Fraga lembroume a riqueza polisémica deste concepto na nosa lingua, desde tempos ben antigos: o noso trobador medieval Fernando Esquío xa xogou no seu día, nunha das súas cantigas satíricas, coa diferenza entre estar “encaralhado” (potente sexualmente) ou “escaralhado” (impotente), dúas cousas ben distintas só con cambiar unha letra, como sabía o frade protagonista do poema, ao que lle chegaban a parir tres mulleres nun día “e outras muytas prenhadas que ten...”.

Os poetas medievais usaron derivados tan transparentes como “caralhote” e “caralho francés” ou “caralho de mesa”, curiosos artefactos estes últimos que nos revelan que a modernización tecnolóxica no erotismo ten moitos séculos enriba.

A familia semántica do concepto citado é aínda maior: hai que engadir , entre outras, formas como “ben”, “cavalo”, “peón”, “pisso” e “rabo”, citadas todas na magnífica “Antoloxía de poesía obscena dos trobadores” de X. Bieito Arias Freixedo (Positivas, 1993). Son as cousas da riqueza do idioma. Só queda por saber qué políticos van saír da próxima liorta electoral, aló polo 1 de marzo, “encaralhados” e cales quedarán “escaralhados”... Ós segundos pódelles servir de consolo o saber que todo está inventado hai xa moito tempo. Entre as primeiras películas gravadas na historia do cine hai xa cintas eróticas ou pornográficas: seica cando as actrices eran negras, nin sequera actuaba a censura porque non se consideraban como seres humanos. En todo caso, a nosa cultura ten unha riqueza no potencial erótico da súa lingua que non debe ser desprezada.

Artigo tirado de aqui

terça-feira, 18 de novembro de 2008

Cea Homenaxe a Marcos Valcárcel en Ourense

O vindeiro sábado, día 29, os amigos/as e admiradores dunha das persoas máis sabias e de maior calidade humana que coñezo, Marcos Valcárcel, teremos ocasión de reunirnos con el para acompañalo nunha entrañable cea-homenaxe que terá lugar no restaurante San Miguel de Ourense.

Polo que a min respecta, salvo ataque biolóxico ou atómico de ultimísima hora que o impida (cousa que, por outra banda e polo ben común, agardemos non ocorra) estarei acompañando ao amigo nese acto de presentación do seu novo libro, Historia de Ourense (Edicións Xerais de Galicia, 2008), a bo seguro inzado de maxisterio e sabiduría por todas partes.

Para os/as que queirades sumarvos, velaí vai máis información:

CEA HOMENAXE a MARCOS VALCÁRCEL.

Ourense, Sábado 29 de Novembro de 2008 , ás 21:00 horas, Restaurante San Miguel.
RETIRADA DE TARXETAS:

As tarxetas para a asitencia á Cea poderanse retirar en Ourense, desde o venres día 7 de novembro, en tres lugares: No Liceo, na Casa da Xuventude e no Restaurante Sanmiguel. O custo da cea é de 30 euros.

Para aquelas persoas de fóra de Ourense que queiran asistir, habilitamos unha conta de Caixa Galicia (2091 0400 88 3040045410 ) na que poden facer o ingreso desa cantidade indicando o nome do participante. Posteriomente, o mesmo día da Cea pódese retirar a tarxeta no restaurante co resgardo da transferencia.
Dada a previsión dunha nutrida concurrencia, rógase efectuar estes trámites canto antes, e en calquera caso, pecharanse as listas de asistencia o día 25 de novembro.

INVITACIÓN ABERTA:

A Cea Homenaxe está aberta a todas as persoas interesadas, polo que che pedimos fagas extensiva a invitación a quen consideres oportuno.

Unha cordial aperta e moitas grazas a todos.

César Ánsias / Xoán Fonseca / Benito Losada / José Carlos Martínez-Pedrayo
Eustaquio Puga / Xosé Ramón Quintana / Xosé Trebolle / Afonso Vázquez-Monxardín

Texto e imagem tirados da web oficial do autor galego Modesto Fraga Moure

Este blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego