Na imprensa falam da S.D.
Antonio Cendán. Hai vinte anos, o Compostela comezaba a triunfar. Hai dez, comezou o seu ocaso. Esta é a pequena historia dun dos equipos de fútbol que deu a capital galega.
Hai vinte anos, en Santiago ninguén falaba de fútbol. Era un deporte secundario, debido a escasa afección e a que o primeiro deporte era o baloncesto, cun equipo, o Obradoiro, que xogara varias temporadas na ACB. O deporte do balón reducíase a enfrontamentos de equipos de barrio, a SD Compostela e o Vista Alegre, que andaban a greña por ver quen tiña os dereitos de xogar no vetusto estadio de Santa Isabel.
En 1988 chegaba a presidencia do cadro albiceleste un electricista, Xosé María Caneda, que rexentaba e traballaba na súa propia empresa. Ninguén podía aventurar que aquel home, de aspecto rudo e até se pode dicir que rural, chegaría en pouco tempo a sentar na mesma mesa que persoeiros de tanto glamur deportivo coma Ramón Mendoza ou Josep Lluis Núñez.
Aos dous anos de facerse Caneda coa presidencia da SD Compostela, o equipo retorna a Segunda División B da man dun adestrador que sería crucial na súa historia, o mítico defensa lateral do Pontevedra dos anos setenta, Fernando Castro Santos. Con este ascenso á terceira categoría do fútbol estatal consolidábase coma o primeiro equipo de Santiago, pero nada máis, rachando así co ancestral enfrontamento localista que mantiña co seu eterno rival, o Vista Alegre.
Non embargante, nin os máis optimistas agardaban que o combinado compostelanista comezase unha xeira ininterrompida de éxitos que se prolongaría durante case unha década. Ao final da campaña 1990-91 o equipo dirixido por Fernando Santos xogaba a fase de ascenso a Segunda División A, cun éxito rotundo xa que conseguiría subir a categoría de prata despois de derrotar no vello estadio de Santa Isabel por tres goles a un ao Badaxoz. Era a primeira vez na historia que a capital galega tiña un equipo na segunda categoría do fútbol estatal, sendo a única cidade galega das sete grandes que nunca o tivera.
Unido a este ascenso, vai tamén o da inauguración do novo estadio, o de San Lázaro, unhas modernas instalacións deportivas con capacidade para 12.000 espectadores que en nada lembraban ao ancestral campo de Santa Isabel, que a partir daquel momento se deixaba de forma exclusiva para o Vista Alegre, o eterno rival que uns anos máis tarde se convertería no seu filial, pasando a denominarse Compostela B.
En Segunda División
A súa primeira temporada na categoría de prata non pasa desapercibida para ninguén. O “Compos” e a gran revelación da campaña 1991-92. Vence ao Celta en San Lázaro e empátalle en Balaídos. Destaca pola súa extraordinaria fortaleza coma visitante, aínda que o que gañaba fora do seu campo, perdíao na casa. Malia todo, a “esede” consegue unha clasificación envexábel para moitos, acadando a sexta posición ao remate da liga. Máis discreta é, se cabe, a súa segunda campaña. Neste ano ten coma rival ao Lugo, debutante tamén na categoría, sendo o segundo equipo da capital das Murallas que militaba nela. Os albicelestes xa non son o equipo rompedor do anterior ano, aínda así non ten problemas para manterse, aínda que cae seis postos en relación á campaña do debut.
O ascenso e a primeira división. Coincidindo co remate do ano Xacobeo, en 1993-94, acontece o mellor fito na curta historia do equipo da capital galega. Esa temporada, despois dunha dura pugna polo ascenso co Español, de José Antonio Camacho, e o Betis, estando case sempre en postos de ascenso até as últimas xornadas, o combinado de Fernando Santos consegue a terceira praza o que lle dá dereito a competir polo ascenso á primeira división. Enfrontase a dobre partido co Raio Vallecano, nos que se rexistran senllos empates. Isto provoca que haxa que xogar un terceiro partido de desempate que se disputa no Carlos Tartiere, en Oviedo. Alí, o primeiro de xuño de 1994, un magnífico “Compos” fulmina os madrileños cun contundente 3-1. Comeza a etapa do mellor Compostela da historia.
O período 1994-98 Santiago vive unha época dourada cun equipo que se fundara había algo máis de 30 anos. Aínda que o seu debut non é de todo afortunado, xa que perde coa Real Sociedade, San Lázaro axiña se converterá nun fortín. A campaña pódese cualificar de brillante, xa que elude calquera complicación cos postos de descenso ou promoción.
O exótico combinado compostelán non é ningunha comparsa que estea de paso na división de honra do fútbol español. Este feito virá avaliado ao ano seguinte, 1995-96, no que fai historia ao proclamarse subcampión de inverno, sumando 42 puntos. A segunda fase non é tan espléndida aínda que obterá unha honrosa décima posición ao final da liga, malia que se esfumara o soño do Eurocompos. Atrás quedaba o empate no Bernabeu, ou a vitoria en San Lázaro sobre o Barça no último cuarto de hora do encontro. Neste equipo destacaban futbolistas coma o porteiro Rafa, pretendido polo Valencia do que chegara desbotado polo propio club, Aguirretxu, Nacho, Fabiano, Penev, Passi, Christiansen, Mauro, Bellido, ou a eterna xuventude do Tato Abadía.
A partir de 1998 comeza o ocaso dos santiagueses. Un dobre empate a un gol en San Lázaro na promoción co Vilarreal envíao de novo a segunda división, debido a unha nefasta arbitraxe e o infortunio de desperdiciar un penalti no Madrigal. Tan axiña coma se iniciara a época vitoriosa chegaba o fracaso que parecía non ter chan.
A SD baixa en 2001 a Segunda B tres anos despois de facelo a categoría de prata, á que retornará a campaña seguinte, na que a pesar de clasificarse en oitava posición, o conxunto que fixera as delicias de moitos galegos e descendido nos despachos por adebedarlles aos seus xogadores 1,8 millóns de euros. Así mesmo, tampouco pode acometer a ampliación de capital que lle esixía a Liga de Fútbol Profesional e o Compostela cae en picado. Caneda abandona o barco.
En 2004 continúan os graves problemas para os santiagueses, un novo descenso a terceira, unido as débedas lévano a unha nova perda de categoría por vía administrativa. Un equipo que facía pouco máis dun lustro era capaz de arrebatar puntos no Bernabeu, Mestalla ou o Camp Nou víase relegado a autonómica preferente, na que non xogaba desde había máis de tres décadas, na que se tería que enfrontar ao Baio, o Malpica, ou o Iberia de Barreiros.
Tras catro anos no inferno máis absoluto, o Compos retorna a terceira división en 2008, tempo suficiente para volver a ser o segundo equipo da capital galega. Nesta época xurden outros dous equipos na cidade do Apóstolo, un deles o Cidade de Santiago, que consumou dous ascensos consecutivos dende a Preferente até a Segunda B, devolvéndolle a dignidade perdida ao fútbol compostelán.
Xosé María Caneda, o electricista da Liga de Fútbol ProfesionalCon aspecto de paisano que podería tratar no gando en calquera feira galega, Xosé María Caneda fíxose coa presidencia da SD Compostela en 1988. Comezaba daquela unha carreira imparábel que o convertería nun dos persoeiros máis controvertidos e, a súa vez, populacheiros da Galicia de mediados dos noventa. A el débeselle unha parte importante da historia do fútbol galego por conseguir que a capital, unha cidade universal e milenaria pero ao igual que París allea o mundo do fútbol, tivese un equipo na elite deste deporte.
Se algo caracterizou a Caneda foi non ter pelos na lingua, de soltar o que sentía, aínda que se gañou moitos inimigos. O electricista compostelán, oficio do que se sentía orgulloso, sentou ao lado de persoeiros inimaxinábeis para un home do seu estrato social. Entre estes encontrábase o ínclito Jesús Gil, presidente do Atlético de Madrid e alcalde da xa tristemente archifamosa cidade de Marbella, que protagonizou un dos máis tristes episodios dunha reunión da Liga de Fútbol Profesional ao agredir a Caneda e ao seu home de confianza, Manuel Fidalgo. As imaxes deron a volta ao mundo.
O desaparecido e xa desprestixiado Gil y Gil empeorou aínda máis a súa imaxe. Mentres, dende distintos medios tentaron desacreditar ao presidente da SD Compostela, que pecou de inocente ao facer unhas declaracións que, coa volta de pouco tempo, resultarían premonitorias do que ocorría na Costa do Sol. Despois de varios anos na nube do éxito, o electricista retornou ao mundo dos mortais presidindo de novo, en terceira división, o cadro que levara á División de honra.
3 pingas caídas nesta terra:
...e eu cheguei a velo xogar en Autonómica Preferente, case nada.
E eu vin como un negriño (digo negriño sen ningún tipo de acritude nin racismo nin nada semellante) do que non lembro agora o nome, lle fodía unha Liga ao Madrid nos últimos partidos. E mira ti agora onde se atopa o Compos post-canedium...
Esse Caneda coa sua frase mítica: "ao meu clú nom o ajudou nim diós!".
Umha aperta irmandinha
Enviar um comentário